ENTREVISTA
Portugal tamén existe
The Gift son o exemplo de que algo se move alén do Miño. Co cartel de banda máis famosa do país, "grazas ó boca a boca", un método lento pero eficaz", chegan mañá á Sala Capitol despois de confesarse con 'HV'
Sónia Tavares, esquerda, John Gonçalves, co que falou ‘HV’, Nuno Gonçalves, e Miguel Ribeiro son The Gift
Con The Gift por fin solucionamos un dos expedientes X musicais máis intrigantes: ¿por que dos nosos veciños portugueses só coñecemos o fado e pouco máis? Agora, grazas a esta banda, que se autodefine como "pop electrónico elegante", sabemos que hai moito máis aló por descubrir. Para mergullarse nos seus intensos directos, grazas a Heineken Music Selector, temos a oportunidade mañá sábado na Sala Capitol cos seus compatriotas Loto de abreconcertos. Pero para abrir boca, falamos con John Gonçalves, responsable do baixo e dos sintetizadores, que ten claro que este é o seu momento.
Sempre me fago a mesma pregunta: ¿por que a música portuguesa é a gran descoñecida en Galicia e, por ende, en España?
A maioría das bandas portuguesas non teñen oportunidades de promocionarse en Galicia porque custa traballo, hai que mostrarse, entrar en clubs pequenos, como fixemos nós, e xa son case oito anos de traballo para logralo.
Agora por fin xa sodes coñecidos e en Madrid colgastes o "non hai entradas" tres noites seguidas. Tras tanto tempo de loita, ¿que significa isto para vós?
É moi importante porque estamos conseguindo o obxectivo que tiñamos, ser coñecidos polo maior número de persoas e facelo dunha maneira conxunta en todas as partes de España, e esas entradas esgotadas en Madrid foi o culme dalgúns meses de promoción e do boca a boca dos fans.
Inflúe moito o boca a boca porque comezaches co "feito na casa" lanzando vós os discos e agora sodes a banda máis famosa de Portugal...
En Portugal foi a clave e aquí tamén, é un método un pouco lento pero eficaz de promoción.
¿Como vivistes o "pelotazo" de comezar desde abaixo ata lograr incluso un premio da MTV?
Moi ben, porque foron o froito do traballo, ó principio non tivemos apoio de ningunha discográfica polo que estivemos obrigados a sacar os discos nós. Despois estivemos encantados de ver que ó público lles gustaba a nosa música en Portugal e en España foi igual, acabamos por facer moitos concertos con moito público sempre... foi un proxecto longo e non rápido pero así é máis tranquilo e seguro.
Á hora de definirvos... ¿Gústavos a etiqueta de "pop electrónico"?
Si, é un estilo que nós facemos e se temos que poñer unha etiqueta, si, sería un pop electrónico e elegante.
¿Cales son as vosas influencias?
Uff (risos). Pois moitas, somos xente suficientemente informada e sempre estamos escoitando novas músicas, gústanos o pop rock, a electrónica, fusión, jazz... son moitas, felizmente.
¿E grupos de referencia?
Este ano gustanos LCD Soundsystem, Radiohead, Hot Chip... moitas influencias.
O novo disco, ‘Fácil de entender’, foi froito da gravación dunha experiencia de dous días con público...
Si, foi en directo e gravamos á vez o DVD en dúas noites cos fans presentes e despois cancións orixinais e de estudio, que estamos agora promocionando en España. É un disco moi bo (risos) e o que levamos na xira agora.
¿Que nos ides traer entón á Sala Capitol?
Presentaremos o espectáculo de Fácil de entender con cancións que non están en ningún disco, imos levar tres músicos convidados, e paréceme que imos ter momentos fortes e tamén íntimos. Quen nos coñece sabe que nos entregamos e o que podo dicir é que imos ter un bo concerto.
Aproveita para mandarlle á xente unha mensaxe para que vaian ó concerto...
Basicamente quero dicir que se queren escoitar o disco, pois mellor, e que vaian ó concerto para ver unha perspectiva de The Gift máis completa.
¿Mantedes contacto con algún grupo galego?
Coñecemos Deluxe, cos que tocamos, e recentemente unha banda de Vigo que descubrín en Myspace se chaman The Blows... Logo de España tocamos con Nawja Nimri, Mala Rodríguez, Macaco, Mastretta... e temos felizmente unha boa cultura musical española.
O DISCO
‘Fácil de entender’, o agasallo
Rigorosos e espontáneos. Nesta fronteira móvense The Gift, un grupo con dous universos paralelos que xogan a conciliar en Fácil de entender, un disco que sairá en España o 9 de abril pero que xa serve de piar básico desta xira de concertos que os traerá mañá por Santiago.
Conxugando temas coñecidos e inéditos, este álbum mestura o espírito de dúas noites de gravación nun estudio lisboeta, que foi configurado como unha casa mutante con presenza de público. O primeiro día a estancia estaba ordenada, con paredes brancas e a música conxugaba na harmonía cunha electrónica minimalista e introspectiva.
A segunda noite, non obstante, todo cambiou e a banda desfasou, fixo estoupar todo o seu abano de sons ata configurar un espazo onde a expresión corporal substitúe os límites arquitectónicos da estancia, mimetizada cos temas máis up beat, coa voz de Sònia Tavares máis agresiva ca nunca, as guitarras máis altas e a batería máis contundente. “Danzade, danzade, malditos”, semella o lema desta bipolaridade que nos hipnotiza.
22.02.2008 - MARTA RODRÍGUEZ . SANTIAGO - in El Correo Gallego
Sem comentários:
Enviar um comentário